Tuesday 14 de May de 2024

O Goberno local elimina o primeiro dos tres tapóns urbanísticos doCastrillón e crea 110 prazas de aparcadoiro en Casanova de Eirís


O alcalde da Coruña visitou O Castrillón con motivo da finalización da primeira fase do Plan Conecta, que permite a conexión entreCasanova de Eirís e avenida dos Caídos

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá o barrio do Castrillón con motivo da finalización das obras da primeira fase do Plan Conecta Castrillón 2013-2016 que comprenden unha área de 7.021 metros cadrados da rúa de Casanova de Eirís e a avenida dos Caídos: “Eliminamos o primeiro dos tres tapóns urbanísticos deste barrio cumprindo unha reivindicación histórica dos veciños dende hai máis de 20 anos”, subliñou o alcalde.
A obra, na que o Goberno local investiu 618.286 euros, supuxo a urbanización de 7.021 metros cadrados e a creación de 110 prazas de aparcadoiro. Os traballos incluíron dotar a ambas as dúas rúas de dobre sentido de circulación, favorecendo a conexión do barrio e mellorando os accesos ao futuro polideportivo municipal; a canalización de servizos como auga, saneamento, telefonía, electricidade e gas; e a colocación de iluminación pública e novo mobiliario urbano: “Supoñerá non só a unión destas dúas vías, senón mellorar o día a día dos veciños do Castrillón. Un antes e un despois en materia de mobilidade, aparcadoiro e servizos,” sinalou o alcalde e engadiu que finalizar a primeira fase permite, ademais, comezar as obras doutra infraestrutura moi demandada polos veciños, o polideportivo: “En xaneiro poderemos comezar as obras do polideportivo, tan pedido polos veciños,”.
Tal e como avanzou o alcalde, o Plan Conecta Castrillón dará un próximo paso no mes de xaneiro cando finalicen as obras da segunda fase, que corresponde á rúa Antonio Ríos: “Con estas dúas fases finalizadas, urbanizaremos 10.000 metros cadrados e crearanse máis de 150 prazas de aparcadoiro en superficie”, detallou.
PLAN CONECTA CASTRILLÓN
O Plan Conecta Castrillón consta de 3 fases, a primeira finalizou hoxe, a segunda estará lista en xaneiro e a terceira está en fase de redacción. Todas elas supoñerán a urbanización de 14.214 metros cadrados e a creación de 226 prazas de aparcadoiro: “O conxunto deste plan, xunto coa realización do polideportivo, supón un investimento no barrio próximo aos 8 millóns de euros”, asegurouCarlos Negreira.
. FASE 1: Urbanización da rúa Casanova de Eirís e avenida dos Caídos.
7.021 metros cadrados.
110 prazas de aparcadoiro.
Investimento de 618.286 euros
. FASE 2: Antonio Ríos. Pretende completar o trazado desta rúa para dar continuidade ao tráfico rodado e peonil da zona.
2.421 metros cadrados.
44 prazas de aparcadoiro.
Investimento de 324.405,07 euros.
Inicio en xuño de 2014, previsto finalizar obras a principios de xaneiro.
. FASE 3: Urbanización da mazá situada entre as rúas Villa de Ordes, Castrillón e avenida de Casanova de Eirís.
4.772 metros cadrados.
72 prazas de aparcadoiro.
Investimento de 625.000 euros.
Fase de redacción de proxecto e xestión do chan. Licitación prevista en segundo semestre de 2015.